Tuesday 17 de September de 2024

O Concello destinará 800.000 euros á construción da nova pista multideporte dos Rosales e a melloras nos campos de fútbol da Leyma e A Torre


Na Xunta de Goberno Local deste mércores aprobarase a adxudicación das obras de urbanización do viario que conectará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo, que facilitará o acceso á estación intermodal

A alcaldesa, Inés Rey, fixo balance esta mañá dos asuntos máis destacados que se aprobarán esta semana na Xunta de Goberno Local, que dará luz verde a tres novas intervencións en materia de infraestruturas deportivas na cidade, que suporán un investimento de 800.000 euros, no seu conxunto.

A primeira delas é o plan de melloras previsto no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, a Leyma, onde a superficie de xogo será renovada por un céspede artificial de última xeración. Tamén se substituirán as porterías de fútbol 11 e fútbol 7, así como as marquesiñas dos bancos. Ademais, tamén se remodelará a rede de rego existente actualmente, que pasará a incorporar un programador automático.

Outra das medidas destacadas será a intervención nos espazos de paso ao edificio dos vestiarios, onde se renovará o firme. A maiores, o plan de obra inclúe a construción dunha rampla á zona de entrada ás bancadas, o que lles facilitará o acceso ás persoas con mobilidade reducida. A maiores, o Concello saneará o muro perimetral do campo, e renovaranse tanto o balado sur como as redes perimetrais que evitan a saída de balóns aos espazos exteriores do campo. A previsión é que os traballos, unha vez que se adxudiquen, se executen nun prazo de tres meses.

A maiores, tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobará a licitación das obras de construción da nova pista multideporte dos Rosales, unha intervención coa que o Goberno de Inés Rey dará resposta a unha demanda da veciñanza do barrio que foi valorada moi positivamente nas convocatorias de Orzamentos Participativos.

Unha nova pista multideporte entre Os Rosales e o monte de San Pedro

A pista construirase en dúas parcelas de titularidade municipal que están situadas entre a estrada dos Fortes e a rúa Simón Bolívar, camiño do monte de San Pedro. A previsión é que esta nova infraestrutura acolla catro superficies de xogo, habilitadas para practicar fútbol sala, baloncesto, minibasket e voleibol.

A instalación contará cun sistema de iluminación, peches perimetrais e tamén interiores, que permitirán independizar espazos e, polo tanto, evitar a interferencia entre as persoas que estean a usar unha pista ou outra. Na contorna da pista tamén haberá unhas bancadas ideadas como un espazo de lecer para as e os usuarios. Ademais, habilitaranse dous accesos peonís desde a estrada dos Fortes, adaptados a persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.

Melloras na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias

Por outra banda, o Concello destinará algo máis de 100.000 euros a acometer melloras de accesibilidade en diversos puntos da Cidade Deportiva da Torre. Isto levará aparellado a renovación das barreiras de protección que hai na contorna dos campos de fútbol.
“Esta medida é fundamental para seguir avanzando no plan progresivo de renovación da Cidade Deportiva, xa que hai espazos da mesma onde as varandas están deterioradas pola súa exposición ás condicións meteorolóxicas e á salinidade”, explicou esta mañá a alcaldesa.

Ademais, os informes técnicos reflicten que hai marxe de mellora no referente á configuración actual das ramplas e escaleiras que hai en varias áreas da cidade deportiva, polo que tamén se remodelarán no contexto desta intervención. “Esta era unha solicitude recorrente das persoas usuarias da Cidade Deportiva, á que daremos resposta co obxectivo de reforzar a seguridade e mellorar a accesibilidade xeral aos espazos de paso e tamén ás bancadas da instalación”, indicou Inés Rey.

A atención ás infraestruturas deportivas nos barrios, un compromiso do Goberno local

Estas tres intervencións súmanse as xa executadas ou licitadas polo Concello neste último ano. Rey destacou hoxe a apertura do campo de fútbol de Eirís, a do parque de patinaxe de José Toubes e as novas áreas de calistenia do Barrio das Flores, José Toubes e Os Pelamios, actuacións ás que se sumaron, ademais, a renovación do parque de patinaxe de Eirís, as melloras na pista de fútbol Cruyff Court de Novo Mesoiro e a nova área biosaudable da praza do Parque, en Monte Alto.

Por outra banda, este ano xa se licitaron as obras de reforma do campo de fútbol número 1 da Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, unha intervención na que se levará a cabo un investimento de 419.000 euros; as obras de construción da área infantil e a pista multideporte da Silva, intervencións ás que se destinan outros 345.000 euros; e a renovación da instalación eléctrica do Palacio dos

Deportes de Riazor, que comezará proximamente.

Adxudicación das obras de conexión entre a Sardiñeira e avenida de Arteixo
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobará pasado mañá a adxudicación das obras de urbanización do viario que conectará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo, unha intervención que forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno municipal no contexto das obras de construción da nova estación intermodal da Coruña.

A construción deste novo viario prevese fundamental por dous motivos: o primeiro, para garantir unhas conexións adecuadas entre as dúas avenidas, mellorando así a accesibilidade ao barrio dos Mallos; e por outra banda, porque con esta intervención poderase absorber o tráfico específico que teña como orixe ou destino a propia intermodal —xa que a práctica totalidade de liñas de autobús accederán á estación por este acceso— o que lle dará unha maior fluidez ao tráfico rodado nun dos principais puntos de acceso á cidade.

A empresa Vázquez y Reino será a encargada de executar os traballos, que suporán un investimento de 2,1 millóns e que, desde a súa posta en marcha, se deberán completar nun prazo de 18 meses. “Desta forma, avanzamos na remodelación integral dos espazos públicos na Sardiñeira e a súa contorna, unha transformación clave tanto para a cidade como para o barrio en si, polo que suporá en termos de melloras de accesibilidade, transporte e dinamización económica”, expuxo esta mañá a alcaldesa.

O Concello acometerá melloras na cúpula da Casa das Ciencias
Noutra orde de asuntos, esta semana darase luz verde aos proxectos e á licitación das obras de conservación e mantemento tanto na cúpula da Casa das Ciencias como na cúpula da súa biblioteca, dúas intervencións para que as se consignaron fondos nos orzamentos deste ano co obxectivo de renovalas e impermeabilizalas.
“É unha actuación que consideramos necesaria porque os materiais de impermeabilización dispostos actualmente foron sufrindo unha deterioración progresiva pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas e tamén polo paso do tempo”, indicou a alcaldesa este luns.
Outra das medidas que aparellará o plan de intervencións no edificio é a adecuación da marquesiña que cobre o acceso principal á Casa das Ciencias. En total, o Concello levará a cabo un investimento de máis de 280.000 euros.